A deputada do Grupo Popular e portavoz do PP en Betanzos, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe co presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Betanzos (Promabe), José Felipe Vidal Rico, quen lle trasladou as “boas expectativas que para o sector pode supoñer a posta en marcha de novos proxectos de transformación da madeira en Galicia”.
Promabe é unha entidade creada en 2010 en Betanzos, que na actualidade conta con socios que representan a 1.400 familias desta comarca e arredor de 7.500 persoas.
Cecilia Vázquez amosou o interese do PPdeG por impulsar medidas e proxectos que beneficien ao sector forestal galego, que da emprego a cerca de 20.000 persoas en Galicia situando a esta Comunidade autónoma como a que maior volume de cortas de madeira realiza de toda España, superando en 2022 a cifra de 11 millóns de metros cúbidos.
Pola súa banda, Felipe Vidal trasladou “o interese dos produtores de madeira pola implantación en Galicia de novos proxectos de transformación da madeira, que fortalecerán os prezos e impulsarán o desenvolvemento dunha silvicultura adecuada que evite a propagación dos incendios forestais”. “Proxectos que, iso si, deberán respectar sempre escrupulosamente toda a normativa ambiental galega, española e europea”, subliñou.