Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e José Luís Ferro visitaron hoxe a Adega Peña, situada no concello ourensán de Castrelo de Miño, e destacaron que a Xunta destinará este ano 1,7 millóns de euros para apoiar ao sector vitivinícola galego na promoción nacional e internacional dos seus viños. Ao abeirao desta liña de axudas se promoveron nos últimos sete anos preto de 150 programas de promoción e xestionáronse máis de 8 millóns de euros.
Juan Casares manifestou que “esta liña de axudas adquire unha importancia especial neste momento por mor do contexto sociopolítico que estamos a vivir polas decisións que o Goberno de Trump está a adoptar impoñendo aranceis ás importacións de produtos da Unión Europea”. “Este panorama coloca ao viño galego nunha situación complicada e coa necesidade de abrir novos mercados, ademais de potenciarse nos que ten hoxe presenza”, apuntou.
Pola súa banda, José Luís Ferro lembrou que, “desde a pandemia da Covid-19, o sector vitivinícola vive unha crise que non ten selo galego, senón timbre internacional, provocada tanto pola diminución do consumo e das exportacións, como polo aumento do prezo do produto polos maiores custes de produción derivados da guerra de Ucraína”.
Os deputados populares, que estiveron acompañados na visita a Adega Peña polo alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, destacaron o “papel fundamental que xoga o sector vitivinícola na economía galega, tanto no que atinxe á creación de emprego como para a fixación da poboación no rural”. En concreto, este sector achega o 1,4 por cento do PIB galego, xera un valor engadido bruto de 890 millóns de euros e da emprego a cerca de 16.000 persoas en Galicia.
Galicia posúa na actualidade 10 selos vitivinícolas de calidade diferenciada: cinco denominacións de orixe protexidas e outras cinco indicacións xeográficas protexidas.