Os deputados do Grupo Popular Loli Hermelo, Raúl Santamaría e Patricia García salientaron hoxe “a fonda pegada que deixou Ramiro Carregal entre a sociedade galega, non só por ser un pioneiro da industria conserveira en Galicia, senón tamén por ser un firme impulsor da investigación oncolóxica en Galicia”. Neste sentido, salientaron a celebración nesta Semana Santa a nova edición da Soccer Cup en Vilagarcía e Vilaxoán, felicitaron aos organizadores polo desenvolvemento deste torneo e destacaron a importancia deste tipo de eventos para fomentar a práctica deportiva entre a xuventude.
Loli Hermelo, Raúl Santamaría e Patricia García asistiron hoxe ao Torneo de fútbol xuvenil Ramiro Carregal, que se celebra estes días nos campos de Vilagarcía e Vilaxoán, que ten como obxectivo non só promover os valores do deporte entre a mocidade, senón tamén manter viva a memoria dun home que deixou unha fonda pegada tanto no tecido empresarial como na sanidade galega.
Fundador e presidente de honra de Frinsa del Noroeste, Carregal foi unha figura clave na modernización do sector conserveiro e na súa internacionalización, situando a marca galega no mapa global da alimentación.
LIDERADO EN INVESTIGACIÓN ONCOLÓXICA
“Pero o seu legado vai máis aló, porque Ramiro Carregal tamén destacou polo seu compromiso coa sociedade, especialmente no ámbito da loita contra o cancro”, lembraron os deputados populares, quen sinalaron concretamente o impulso e financiamento de proxectos de investigación oncolóxica en centros de referencia de Galicia como o Hospital de Santiago ou a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.
Ademais, apuntaron que “Galicia mantén o seu liderado na investigación oncolóxica cun investimento sostido en proxectos como o desenvolvemento de tratamentos CAR-T ou a implantación de programas de cribado poboacional, que contan con financiamento específico nos orzamentos da Xunta para este ano”.