O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non delei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a reforzar a loita integrada contra as enfermidades fúnxicas en Pinus radiata, mediante accións de tratamento fitosanitario, medidas silvícolas e apoio á investigación forestal; mellorar os medios do Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte, dotándoo de recursos humanos especializados en sanidade forestal; e potenciar a colaboración entre a administración, o sector forestal e os centros de investigación para o desenvolvemento de estratexias eficaces de xestión e prevención destas enfermidades.
O deputado popular Ángel Rodríguez manifestou que as enfermidades fúnxicas que afectan ás masas de pinus radiata “están a provocar unha redución significativa da produtividade forestal, afectando tanto á viabilidade económica das plantacións como á subministración de materia prima para a industria da madeira”. En concreto, apuntou que as curtas de radiata en Galicia poden xerar máis de 65 millóns de euros anuais aos propietarios forestais, representando unha parte significativa dos aproveitamentos forestais e sendo fundamental para a industria madeireira.
Ángel Rodríguez lembrou que o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán está a desenvolver un programa de investigación centrado na loita contra as enfermidades fúnxicas que afectan ao pinus radiata, ao que acompaña un protocolo estandarizado para identificar árbores desta especie con resistencia natural ás bandas vermella e marrón.
“Precisamos dunha implicación activa dos propietarios e da industria, porque os fondos públicos están aí pero tamén se require un cambio cultural: entender que a saúde dos montes é un deber común que nos afecta a todos”, sinalou o deputado popular, porque “a protección da sanidade forestal é clave para garantir a sustentabilidade e a rendibilidade do sector madeireiro galego”.