Os deputados do Grupo Popular Gonzalo Trenor, Magdalena Pérez e Miguel Fidalgo lamentaron hoxe a incompetencia do Concello de Pobra do Caramiñal e da Demarcación de Costas do Estado por dar unha solución adecuada aos vertidos por hidrocarburos que se están a producir na zona da Ribeiriña, que obrigaron ao peche de varios bancos marisqueiros.
Nunha visita á zona acompañados do portavoz local do PPdeG, Manuel Durán, os deputados populares consideraron “incomprensible como o Concello de Pobra permitiu facer esta obra nas vellas instalacións de La Onza de Oro sen unha descontaminación do solo e que provoca agora estas consecuencias”.
DILIXENCIA DA XUNTA PARA ACTUAR DE INMEDIATO
“A suposta rexeneración da zona converteuse nun pesadelo, xa que ao eliminar parte do recheo sen descontaminar está a provocar agora que as filtracións cheguen directamente ao mar”, criticaron.
Ademais, Gonzalo Trenor, Magdalena Pérez e Miguel Fidalgo amosaron a súa preocupación pola situación de “abandono total das instalacións da antiga fábrica de HADASA, sen que ata o momento os responsables municipais teñan dado resposta ao requirimento feito pola Xunta para coñecer as medidas que ten previsto levar adiante para mitigar os riscos medioambientais e protexer a salubridade pública dos veciños”.
Os deputados populares destacaron “a dilixencia coa que actuou, desde o momento no que se notificaron os vertidos, a Xunta de Galicia, activando o plan de continxencias por contaminación mariña accidental e desprazando á zona da Ribeiriña a efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia para abordar o problema e que causara os menores danos posibles”.
“O único que busca o cuatripartito de esquerdas que malgoberna A Pobra do Caramiñal é ocultar o abandono no que teñen sumida esta privilexiada zona da costa deste concello, intentando tapar a súa lamentable xestión con acusacións sen sentido á Xunta, cando a verdade é que a Administración galega é a única que non ten competencia algunha para solucionar este problema e o único que fixo foi poñer en marcha medidas para evitar males maiores”, manifestaron.