O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que a provincia da Coruña tamén se beneficiará das medidas anunciadas esta semana no Debate do Estado da Autonomía como parte de Galicia Calidade.
Ante os membros da Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña celebrada esta tarde e na que tamén participaron o presidente do partido na provincia, Diego Calvo, e o secretario xeral provincial, Evaristo Ben, o líder dos populares galegos asegurou que a folla de ruta presentada esta semana no Parlamento recolle moitas das inquedanzas que os alcaldes e portavoces da provincia trasladaron desde cada un dos seus territorios.
Trátase, dixo, de medidas ambiciosas e realistas, pensadas para mellorar a vida das persoas e para dar resposta ás necesidades reais da sociedade; e con elas demostrarase que o Goberno galego non vai fallar nin a Galicia nin á provincia.
Así mesmo, Rueda valorou que a casa común que é o PP da provincia da Coruña é, sen dúbida, un exemplo do que significa facer política desde a proximidade, coa mirada posta sempre nas persoas, falando de xestión, servizo público, e de resolver os problemas concretos da veciñanza en cada parroquia, barrio e concello.
Por ese motivo, quixo aproveitar para recoñecer o papel fundamental que fan todos os alcaldes, portavoces e representantes nas diferentes cámaras como pezas chave deste engrenaxe, porque sen o seu traballo, sen a súa aposta diaria polo rigor e a estabilidade, o proxecto do PP non sería o que é hoxe.
O PP SUMA AS ALCALDÍAS DE OUTES E CAMBRE
Pola súa banda, Diego Calvo salientou que o PP conta xa con 39 alcaldías na provincia, despois de sumar a de Fran Calo en Outes e a de Diana Piñeiro en Cambre, aos que lles pediu traballo e máis traballo.
Nese sentido, sinalou que os rexedores son os mellores embaixadores populares e, alí onde goberna o PP, hai estabilidade, seriedade e futuro, moi lonxe do que ocorre en lugares como a cidade da Coruña, cunha Inés Rey cada día máis desnortada e enfrontada con todo o mundo, ou en Santiago, que é o caos absoluto.
Calvo engadiu que os portavoces non son menos importantes e animounos a seguir facendo oposición e levantando a voz alí onde as cousas están a facerse mal: “Cada día que pasa é un día menos para que sexades alcaldes”, díxolles.
Por último, a dous anos das eleccións municipais, apuntou que é o momento de empezar a perfilar os equipos: abrindo o partido, chegando á xente, estando na rúa e sumando para gañar e ser aínda máis fortes.