O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio dos deputados de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que realice, de maneira urxente e inmediata, as actuacións necesarias para asegurar a subministración eléctrica a todos os proxectos industriais estratéxicos previstos na Comunidade galega, e garantir a evacuación de enerxía derivada do aumento da xeración renovable no sistema eléctrico. Así mesmo, pídese que colabore estreitamente coas comunidades autónomas e dea resposta ás súas necesidades no deseño da nova planificación eléctrica con horizonte 2030, co obxectivo de garantir o desenvolvemento enerxético e industrial de Galicia.
O portavoz popular de Industria, Rubén Lorenzo, manifestou que “a planificación eléctrica deberíase de configurar como un instrumento normativo que establece os desenvolvementos necesarios da rede de transporte de electricidade para que a subministración en España siga sendo segura, de alta calidade e cada vez máis renovable”. Deste xeito, afirmou que “débese facer unha planificación dimensionada e preparar a rede de transporte para que, ademais de atender a demanda actual, sexa capaz de dar resposta a novos consumos e facilite a transición ecolóxica”.
APAGÓN ELÉCTRICO E INFORMATIVO
Lorenzo cualificou de “surrealista e incomprensible que no 2025 esteamos falando de que se dea unha situación de cero enerxético en España” como a que aconteceu onte, na que “moito máis grave que o apagón eléctrico sufrido durante moitas horas, foi o apagón informativo ao que nos someteu o Goberno central”. Neste sentido, puxo en valor “o civismo dos españois, porque gracias a el non estamos falando de situacións preocupantes no país”.
“Pedro Sánchez non pode falar de rede eléctrica como se fose unha empresa privada máis, porque todos sabemos que Redeia é un organismo público”, manifestou o portavoz popular, quen cuestionou “onde está a presidenta de Rede Eléctrica Española, unha señora que era ministra co señor Zapatero e que está desaparecida para a cidadanía e para as empresas”.