A responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ángeles Vázquez, trasladou esta semana a Dolors Montserrat, vicepresidenta da Comisión de Peticións e membro da Comisión de Medio Ambiente, a súa “máxima preocupación” polo feito de que o Goberno de España aínda non contara con Galicia para o Fondo Social para o Clima, que reparte un total de 9.000 millóns de euros de fondos comunitarios.
Ángeles Vázquez, no marco do Congreso do EPP celebrado en Valencia, reivindicou ante a nova secretaria xeral dos populares europeos o papel protagonista que lles corresponde ás autonomías no acceso ás axudas contidas no Fondo Social para o Clima, e criticou que o Goberno central aínda non facilitara a Galicia ningún texto, a pesar de que a Comisión Europea insta aos Estados Membros a permitir a participación das rexións.
“Exiximos que se lle obrigue ao Goberno español a que nos traslade o texto e saibamos de primeira man onde quere facer a inversión destes fondos europeos”, reclamou, sobre unha iniciativa de grande envergadura, dado que ten previsto mobilizar ao redor de 86.700 millóns de euros de financiamento público durante o período 2026-2032. No caso de España, correspóndenlle 9.000 millóns.
Os fondos proceden das poxas do Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión e dos Estados membros, que deberán cofinanciar o programa nun 25% a través dos seus Plans Sociais polo Clima.
Se ben son os Estados Membros os que deben presentar os plans, está previsto desenvolver unha consulta pública previa, na que as autoridades locais e rexionais han de ter voz para identificar as medidas e investimentos que consideran máis axeitados para desenvolver nos seus territorios. O prazo remata a finais do mes de xuño: “Dános a impresión de que non se vai cumprir o mandato de facilitar a documentación as rexións”, alertou Ángeles Vázquez a Dolors Montserrat.
A responsable de Medio Ambiente do Goberno galego remarcou que o Executivo central debe permitir que as comunidades marquen as súas prioridades, seguindo os preceptos que establece Europa. Un dos factores que Galicia considera primordial, polas súas características, é a atención á dispersión da poboación. Pero o Goberno central “amosa unha vez máis o pobre concepto que ten da cogobernanza”, desoíndo ademais, neste caso, o mandato da Comisión Europea, que foi “moi clara” ao respecto.
Galicia, lembra a conselleira, xa formulou a finais de marzo as pertinentes aportacións na fase de consulta pública previa. O Fondo Social para o Clima —que forma parte do paquete lexislativo Fit for 55 que implementa o Pacto Verde Europeo— supón unha destacada contribución para acadar os obxectivos climáticos fixados pola Comisión Europea de cara a 2030: as liñas nas que se artella son descarbonizar o sector do transporte, mellorar o rendemento medioambiental e enerxético dos edificios, combater a pobreza enerxética e apoiar o crecemento económico sostible, creando emprego verde.