O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, criticou hoxe no Pleno “a incongruencia do BNG xa que, estando en contra dos proxectos mineiros que se presentan en Galicia, se interesen pola composición do Consello da Minaría”, ante o que lamentou que “non aproveitaran este debate para aclarar cal é o seu modelo de explotación de recursos”.
Rubén Lorenzo explicou que a composición do Consello da Minaría de Galicia foi modificado no ano 2024 co obxectivo de incluír neste órgano determinados centros da Administración autonómica ou asociacións con relación directa coa minaría e pola súa vinculación co eido económico e social. “Unicamente se incluíron na composición os organismos sectoriais competentes na tramitación de proxectos mineiros, sen prexuízo de que durante a mesma se sometan a información pública para que a cidadanía e as asociacións ecoloxistas poidan facer as achegas precisas, como viña sucedendo, e sucede, en calquera procedemento sometido a información pública”, apuntou.
“Estes cambios fixéronse escoitando aos actores implicados, con transparencia e participación, e sometendo a este Parlamento á súa aprobación”, indicou o portavoz popular, quen engadiu que os cambios “obedeceron á necesidade de dotar dunha maior practicidade e transversalidade ao Pleno do Consello da Minaría, sen prexuízo de que posteriormente poidan asistir outros membros con motivo dos grupos de traballo”.