O deputado do Grupo Popular José Luís Ferro avogou hoxe no Pleno do Parlamento galego por “facer entre todos que o galego sexa atractivo para as novas xeracións, e para iso precisamos o Pacto pola Lingua impulsado pola Xunta e no que se reúnen forzas de todas as institucións, entidades culturais e cidadanía para articular un marco de acción común, sólido e libre de confrontacións partidarias”. “A lingua non debería ser obxecto de debate ideolóxico, senón de consenso, respecto e compromiso, pero tamén é fundamental que quen non queira contribuír para chegar a un pacto, quen non queira axudar, polo menos que non estorbe”, indicou.
José Luís Ferro lamentou que o BNG protagonizara hoxe no Pleno “un novo intento de converter a nosa lingua nun campo de batalla político”. Así, apuntou que “o que hoxe se nos propón non é unha defensa real da lingua, senón un xuízo político ao sistema educativo galego, á liberdade das familias, ao traballo profesional do profesorado e, por suposto, ao modelo educativo que deseñou un goberno do PPdeG”.
“O que o BNG chama Decreto da vergoña é en realidade unha norma que garantiu un equilibrio, un sistema plurilingüe que permite que as nosas nenas e nenos saian do ensino obrigatorio sabendo galego, castelán e inglés”, sinalou o deputado popular.
TENDER PONTES
Así mesmo, Ferro manifestou que “o galego non se defende desde a imposición, senón desde o orgullo”, polo que apuntou que, “se queremos avanzar de verdade, o camiño non é a confrontación política, senón o consenso e o Pacto pola Lingua que está a impulsar a Xunta, da man de todas as forzas políticas que estean dispostas a traballar con lealdade institucional”.
José Luís Ferro criticou que o BNG “non suma, divide; non propón, impón; e non constrúe, enfronta”, pero avanzou que “non renunciamos a tender pontes, porque o futuro do galego está nas nosas mans e ás xeracións futuras non podemos darlles unha lingua que sexa motivo de conflito, senón unha lingua útil, viva e querida”.