A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, saliento hoxe no Pleno do Parlamento galego que “en Galicia temos un dos modelos de protección de menores máis integrador de toda España, no que se incrementou o orzamento nun 45 por cento nos últimos cinco anos para situarnos como a segunda comunidade autónoma con maior porcentaxe de acollemento familiar”.
“O obxectivo é claro: que ningún menor sufra desprotección nin discriminación, buscando unha solución adaptada a cada situación persoal e apostando pola prevención, pola intervención temperá, polo acompañamento ás familias e por unha ampla rede de profesionais formados e comprometidos”, indicou Raquel Arias.
Na súa intervención, incidiu que “a primeira opción para a Xunta é sempre o acollemento familiar” e destacou que neste momento o 60 por cento dos menores do sistema de protección viven en familias de acollida, fronte a unha media do 51,6 por cento do conxunto de España. Ademais, apuntou que “somos un referente no contexto estatal polo noso modelo residencial descentralizado, con 868 prazas distribuídas en 80 pequenos e medianos fogares por toda Galicia que permiten un trato personalizado e garanten unha contorna educativa e afectiva segura”.
Raquel Arias destacou tamén que “somos unha comunidade tremendamente solidaria cando se trata de acoller a menores non acompañados, de xeito que estamos acollendo de forma voluntaria ao 16 por cento deses menores, cando por poboación nos correspondería só o 6 por cento”. “Rexeitamos crear guetos e rexeitamos as imposicións, ao tempo que esiximos financiamento e trato igualitario con outras comunidades de España”, dixo.