O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra dos deputados do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que cree, xunto ás comunidades autónomas e ás universidades españolas, un sistema coordinado de matrícula entre as facultades de Medicina, co obxectivo de dar as máximas garantías aos futuros estudantes e simplificar o proceso a nivel nacional.
O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, afirmou que esta proposta “busca garantir a igualdade de oportunidades, aliviar a presión e o estrés que soportan cada ano milleiros de estudantes e as súas familias, e facilitar a xestión e planificación dunhas prazas que son estratéxicas para o noso sistema sanitario e universitario”.
“O actual sistema de matrícula obriga aos futuros estudantes de Medicina a solicitar praza en varias facultades á vez, nun auténtico exercicio de incerteza e presión”, sinalou o viceportavoz popular. En concreto, apuntou que esta situación “supón unha sobrecarga administrativa para as universidades, que reciben solicitudes duplicadas ou triplicadas, moitas das cales non se chegan a formalizar; e implica un custo económico para as familias, que despois non recuperan”.
DESIGUALDADES NO ACCESO E COMPETENCIA DESREGULADA
García Comesaña explicou que “a falta de centralización na matrícula das universidades presenta diversos problemas, que van desde desigualdades no acceso, a dificultades na planificación e xestión de prazas ou mesmo a disparidades na calidade da formación”. “Ademais, esta non centralización xera unha competencia desregulada entre as universidades e unha fragmentación da oferta educativa, o que repercute na homoxeneidade da formación e na equidade no acceso á carreira”, dixo.
Para rematar, fixou como desafíos desta situación a existencia de desigualdades no acceso, pola falta dunha plataforma única que xera diferenzas significativas nos criterios de admisión e notas de corte; a dificultade na planificación e a xestión, que provoca desaxustes entre a oferta e a demanda, así como problemas na distribución xeográfica dos profesionais; disparidade na calidade da formación; unha competencia desregulada, que prioriza a captación de estudantes fronte á calidade; e unha fragmentación da oferta educativa, que dificulta a mobilidade e a homoxeneidade formativa.