Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña, Felisa Rodríguez e Manuel Santos esixiron hoxe aos responsables municipais do Concello de Mondariz-Balneario que “se poñan a traballar e procedan urxentemente a incoar o procedemento para a declaración da fonte de Troncoso como ben de interese cultural, xa que é o camiño máis rápido e seguro para poder acceder ás axudas con cargo ao programa 2% cultural destinados á restauración desta emblemática obra do arquitecto Antonio Palacios”.
Acompañados da portavoz do PP en Mondariz, Marisa Domínguez, Julio García, Felisa Rodríguez e Manuel Santos explicaron que “un dos requisitos principais para poder optar a estas axudas estatais é que esta fonte estea declarada como ben de interese cultural ou, cando menos, teña iniciado o expediente para a súa declaración”.
INICIATIVA NO PARLAMENTO DE GALICIA
“Por este motivo, é fundamental e urxente que desde o Concello de Mondariz-Balneario se poñan a traballar para iniciar a tramitación desta declaración, para o que contarán coa total disposición da Xunta tanto no proceso de tramitación da solicitude como na elaboración da documentación necesaria para a incoación do expediente”, sinalaron.
Os deputados populares lembraron que “o pasado 23 de maio xa rexistramos no Parlamento de Galicia unha iniciativa parlamentaria a través da que pedimos ao Concello de Mondariz-Balneario que leve a cabo os trámites necesarios para solicitar formalmente a incoación do expediente da Fonte de Troncoso como BIC, o que suporía un paso determinante para garantir a conservación e posta en valor desta obra representativa do arquitecto Antonio Palacios”.
Julio García, Felisa Rodríguez e Manuel Santos garantiron que o Concello tamén “contará colaboración e apoio da Xunta na posterior solicitude de axudas ao Goberno central con cargo ao programa 2% cultural, co obxectivo de recuperar un ben patrimonial símbolo da tradición termal e do patrimonio histórico deste municipio”.