O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que facilite a adecuación de potencia e cambios de motor dos buques de pesca, asegurando que a distribución se realice con criterios de equidade e necesidade e establecendo liñas de financiamento e axudas específicas. Así mesmo, pídese a modificación do Real Decreto 1044/2022, de ordenación da frota pesqueira, co obxectivo de flexibilizar o aproveitamento da potencia proveniente de paralizacións definitivas de embarcacións de pesca, de forma que se permita utilizar a mesma entre buques do mesmo caladoiro, especialmente no caso do Caladoiro Nacional, augas NEAFC e palangre de superficie en augas internacionais.
O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, considerou que “facilitar a renovación dos motores da frota pesqueira é unha medida imprescindible para asegurar o futuro dun sector clave para Galicia”. “Esta renovación é unha necesidade urxente tanto para garantir a competitividade, a sustentabilidade e a rendibilidade do sector, como para avanzar nos compromisos de descarbonización do sector pesqueiro”, indicou.
PREZOS DESORBITADOS
Porén, lamentou que “a realidade actual é que boa parte da frota pesqueira galega continúa operando con motores vellos e obsoletos, que consumen máis, que contaminan máis e que presentan máis riscos para a seguridade dos tripulantes”. Miguel Fidalgo afirmou que “esta situación afecta negativamente á rendibilidade do sector e dificulta o avance cara a unha pesca máis sostible e respectuosa co medio ambiente”.
Así mesmo, o portavoz popular que “o elevado custo que supón adquirir novos motores, xunto coa obriga de mercar potencia adicional a prezos desorbitados, converte a modernización nun proceso inasumible para moitos armadores”. A este feito engádese a falta de claridade e transparencia, que “está favorecendo prácticas especulativas que encarecen, aínda máis, o acceso á potencia dispoñible”.
Miguel Fidalgo explicou que o Real Decreto 1044/2022 establece un marco para a ordenación e xestión da flota pesqueira española co obxecto de mellorar a sustentabilidade, optimizar a capacidade pesqueira dispoñible e garantir a viabilidade do sector”. “Con todo, tres anos despois da súa publicación, o Goberno de Pedro Sánchez aínda non desenvolveu nin aplicou medidas concretas que permitan a renovación dos motores”, lamentou.
“Sería conveniente desbloquear a aplicación deste Real Decreto, facilitar a flexibilidade no aproveitamento da potencia proveniente de paralizacións definitivas de embarcacións de pesca e facilitar a optimización da capacidade pesqueira en España”, demandou o portavoz popular, quen considerou “imprescindible un novo modelo de xestión de capacidade pesqueira e da ordenación da flota co fin de alcanzar un equilibrio entre as posibilidades de pesca e a capacidade da flota dispoñible, atendendo, deste modo, a factores e obxectivos medioambientais e socioeconómicos”.