Os alcaldes e alcaldesas do PPdeG demandan ao Goberno de Sánchez que desbloquee o uso do superávit orzamentario dos concellos para “poder gastar nos veciños os cartos dos veciños” e que se aborde de xeito urxente e definitivo a reforma do sistema de financiamento local.
Estas foron dúas das principais reclamacións na concentración que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) convocou esta mañá en Madrid e na que estiveron presentes máis dunha trintena de representantes do municipalismo galego. Entre eles o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, o alcalde de Poio e portavoz do PPdeG na Fegamp, Ángel Moldes, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o presidente provincial de Ourense e alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, e o presidente provincial de Pontevedra, Luis López.
Carlos Martínez, que tamén é membro da Xunta de Goberno da FEMP, asegurou que precisamente o anuncio desta convocatoria foi clave para que o Goberno central desbloquease onte o Real-Decreto lei que actualiza as entregas a conta para 2025 e o abono das liquidacións de 2022. Aínda que, tal e como explica, non se fixo nos termos previstos inicialmente.
“Díxose que se ía incrementar a contía dos anticipos en torno a un 12% e un 13%, pero ao final ese incremento queda reducido a un 9%”, denuncia apuntando a que isto repercutirá negativamente nas contas municipais na medida en que “moitos concellos fixeron os seus orzamentos contando co incremento previsto”.
O decreto aprobado onte, lamentablemente, non incluíu unha cuestión que para os alcaldes e alcaldesas do Partido Popular é fundamental tamén para a sostibilidade financeira dos concellos: o uso dos seus superávits orzamentarios.
“Somos moitos os concellos que temos superávit pero non podemos destinalo a investimentos porque o Goberno central mantén retidos e bloqueados eses cartos que son dos veciños e que queremos gastar nos veciños”, explicou ao tempo que insistía na demanda de que se desbloquee o gasto deses fondos.
O rexedor de Vedra pediu en último lugar a convocatoria da Comisión Nacional da Administración Local para “que se debata dunha vez o sistema de financiación local dos municipios”. Xa que, tal e como denuncian el e o resto de alcaldes populares, os gobernos locais están atravesando “unha situación de asfixia financeira” e é necesario que o Goberno central ofreza respostas e solucións para garantir que os concellos e deputacións poidan seguir prestando servizos de calidade á cidadanía.