A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que o novo Plan de saúde mental 2025-2028 incorporará a creación dunha rede de psicoloxía clínica en atención primaria e o reforzo da atención á saúde mental infanto-xuvenil, así como un incremento das prazas en centros de rehabilitación psicosocial, pisos protexidos e unidades residenciais.
Encarna Amigo lembrou que a Xunta “leva meses traballando no novo Plan de saúde mental 2025-2028 e faino cun enfoque participativo, contando cos profesionais e coas entidades implicadas”.
Entre as novidades deste novo Plan de saúde mental, a portavoz popular citou a creación dunha rede de psicoloxía clínica en atención primaria, “que comezará este mesmo ano coa contratación de 14 novos psicólogos e que aspira a contar con 35 profesionais en 2028 e 50 no 2030”.
“Así mesmo, procederase ao reforzo da atención á saúde mental infanto-xuvenil, ampliando a atención pediátrica ata os 18 anos, ata os 21 no caso de TEA, e reforzando a continuidade asistencial”, engadiu.
PLAN 2020-2024 PIONEIRO
Respecto do Plan de saúde mental post-covid 19 2020-2024, Encarna Amigo lembrou que foi unha “iniciativa pioneira, que contou cun orzamento de 83 millóns de euros e que permitiu crear 244 novas prazas de profesionais da saúde mental en catro anos, profesionais que hoxe xa están a traballar na nosa rede pública de saúde”.
“Gracias a este plan, a sanidade pública galega conta hoxe con 557 profesionais da saúde mental, case o dobre dos que había en 2009, ao tempo que se puxeron en marcha sete unidades de prevención intensiva do suicidio, unha por cada área sanitaria e que xa atenderon a máis de 1.500 persoas en situación de risco”, engadiu.