A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou hoxe no Parlamento de Galicia que a aplicación da nova Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza “sairalle gratis ao Goberno central fronte a un custo superior aos cinco millóns de euros para a Xunta, unha nova mostra máis da política que segue o Goberno de Pedro Sánchez de eu invito e ti pagas”.
Ademais, enmarcou esta nova lei nun novo episodio do “asalto que o Goberno central está levando a cabo para o debilitamento da independencia e liberdade dos xuíces e maxistrados”, que se suma á designación do Fiscal Xeral do Estado, á renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, ao nomeamento de Cándido Conde Pumpido como Presidente do Tribunal Constitucional, á aprobación de leis á medida das necesidades do Presidente Sánchez ou ás reformas do sistema de acceso á carreira xudicial ou do Estatuto do Ministerio Fiscal.
Nunha pregunta formulada esta mañá na Comisión 1ª ao director xeral de Xustiza, José Tronchoni, Paula Prado explicou que a nova Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza suporá a supresión de xulgados, coa conseguinte sobrecarga de traballo dos restantes; a limitación das posibilidades de acceso á cidadanía; a desprotección ás vítimas de violencia de xénero; e a creación de dúas clases de Xustiza diferenciadas en función do lugar de residencia: unha para as cidades e outra para o rural.
OÍDOS XORDOS ÁS DEMANDAS DAS COMUNIDADES
“Pero o que resulta máis indignante é o sistema de financiamento para a implantación deste lei previsto polo Goberno de Pedro Sánchez, cargando todo o custo ás comunidades autónomas e librando de pago algún á Administración central”, sinalou a viceportavoz popular, quen concretou que no caso da Xunta o gasto situarase entre os 5 e os 7 millóns de euros.
Paula Prado asegurou que “o importante en materia de Xustiza para o Goberno de Pedro Sánchez é avanzar no debilitamento e a liberdade de xuíces e maxistrados, sen atender a máis mínima das demandas e as necesidades realizadas polos cidadáns ou as comunidades autónomas”.
“Estamos ante o fin da independencia da actuación xudicial e temos que ter moi presente cando morre a xustiza, morre a democracia”, sinalou a viceportavoz popular. Así, afirmou que “neste proceso enmárcase a aprobación desta nova Lei en materia de eficiencia da Xustiza, un paso máis logo dos realizados polo Goberno de Pedro Sánchez na designación do Fiscal Xeral do Estado, primeiro unha ex ministra e despois un compañeiro con carné socialista; o bloqueo da renovación do CXPX e posterior reforma do sistema de nomeamento dos seus integrantes para poder designalos a dedo; o nomeamento de Conde Pumpido, historicamente vinculado ao PSOE, como presidente do Tribunal Constitucional; ou a nova metodoloxía lexislativa de redactar e aprobar leis á medida e ás necesidades do Presidente do Goberno, como a Lei Begoña ou a Lei Koldo”.