O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, acompañado do portavoz do PP en Moaña, Alfonso Piñeiro, esixiron hoxe á alcaldesa deste concello que asuma as súas competencias, do mesmo xeito que o fixeron noutras localidades galegas, e regule a práctica da pesca recreativa no portos deste municipio pontevedrés. “Sabe perfectamente que a Xunta, a través de Portos de Galicia, está disposta a colaborar para poder ampliar esta actividade nos portos moañeses, polo que a decisión está na man do Concello que se poida desenvolver unha actividade que ten carácter lúdico, veciñal e non puramente portuario”, apuntou.
Miguel Fidalgo lamentou que o Concello de Moaña “continúe poñendo trabas e rexeitando sistematicamente que os pescadores recreativos poidan exercer a súa afección nos portos deste municipio, demostrando un absoluto desinterese polas demandas dun colectivo que só busca desfrutar dun lecer saudable e tradicional”.
Neste sentido, lembrou que a Xunta, a través de Portos de Galicia, “xa propuxo en repetidas ocasións, a última vez en outubro de 2023, a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Moaña para autorizar e regular a práctica da pesca recreativa nas instalacións portuarias, tal e como fan con éxito outros Concellos galegos como Baiona, A Guarda, Porto do Son, Ribeira, Cervo, Muros, Malpica ou A Laracha”. “Porén, a alcaldesa de Moaña decidiu ignorar esta posibilidade, enviando mesmo unha negativa por escrito e amparándose en supostas “falta de efectivos” e outras escusas que non se dan noutros municipios”, indicou.
DAR AS COSTAS Á VECIÑANZA
Miguel Fidalgo subliñou o compromiso da Xunta por dar resposta ás peticións dos pescadores recreativos, ao tempo que realiza investimentos de máis de un millón de euros nos portos de Moaña nos últimos meses, con obras como a renovación da iluminación, a mellora do peirao da Mosqueira ou a remodelación da sede da Sociedade Deportiva Tirán.
“Resulta evidente que a alcaldesa de Moaña prefire dar as costas á veciñanza e aos pescadores recreativos, inventando problemas e cargando culpas a outras administracións en lugar de asumir as competencias que si asumen outros Concellos”, criticou o portavoz popular, quen afirmou que “esta postura irresponsable e sectaria deixa sen opcións a centos de persoas que queren practicar un deporte que, ademais de lúdico, contribúe á dinamización social do municipio”.