As deputadas do Grupo Popular Raquel Arias e Nicole Grueira lembraron hoxe que o prazo para participar no programa Benestar en balnearios da Xunta, a través do que aos maiores de 60 anos ou pensionistas de máis de 55 anos poden gozar de descontos para estadías nestes establecementos, remata o vindeiro 16 de xullo.
En compañía do portavoz do PP en Guitiriz, José Manuel López, Raquel Arias e Nicole Grueira visitaron as instalacións do balneario desta localidade, un dos catro lucenses adheridos a este programa nesta edición xunto ao Balneario Termas de Lugo, o Balneario Río Pambre de Palas de Rei e Augas Santas Balneario de Ferreira de Pantón.
LOITA CONTRA A SOIDADE NON DESEXADA
O programa Benestar en balnearios da Xunta ofrece preto dun 50 por cento de desconto aos maiores de 60 anos ou a pensionistas de máis de 55 para estadías en réxime de pensión completa durante 10 días nun dos 15 establecementos hoteleiros adheridos de toda Galicia. Aquelas persoas interesadas dispoñen ata o vindeiro 16 de xullo para formalizar a súa inscrición, preferentemente, a través da sede electrónica da Xunta ou, de forma opcional, en calquera rexistro oficial da Xunta.
Esta iniciativa é “unha mostra máis da aposta da Xunta de Galicia polas persoas maiores ou en situación de dependencia”, segundo subliña a deputada lucense e portavoz de Política Social do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Raquel Arias. “Coa estadía de 10 días nestes balnearios de Galicia contribúese a mellorar a súa saúde física e tamén a emocional e serve, ademais, como ferramenta na loita contra a soidade non desexada”, engadiu.
A deputada popular tamén puxo en valor que “a Xunta inviste este ano máis de 330.000 euros neste programa”, un 10 por cento máis que na pasada edición. O programa ofrece este ano 1.276 prazas, 41 máis que na edición anterior, para desfrutar en diferentes quendas desde o mes de xullo ata decembro.