A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe “a importancia de contar cunha boa rede de estradas secundarias e locais á hora de mellorar a atención sanitaria urxente que reciben os galegos”, polo que demandou unha “actuación coordinada e decidida” de todas as administracións públicas e destacou que a Xunta destinará máis de 18 millóns de euros entre 2025 e 2026 para axudar a 299 concellos galegos na mellora da súa rede viaria rural.
Encarna Amigo manifestou que “o estado das vías de comunicación é un factor determinante para a equidade e a eficacia do sistema sanitario”. “As deficiencias na rede viaria secundaria e local non só alongan os tempos de resposta sanitaria, senón que tamén incrementan o risco de accidentes, dificultan a condución dos vehículos de emerxencia e xeran unha angustia insoportable para pacientes e familias”, apuntou.
“As estradas non son só unha cuestión de desenvolvemento económico e conectividade territorial: son un auténtico salvavidas, xa que en situacións de emerxencia médica, cada minuto conta”, manifestou a portavoz popular, quen destacou as 174 actuacións de mellora de seguridade viaria, reforzo do firme, adecuación de pasos fluviais ou mantemento das marxes das estradas que a Xunta financiará na provincia de Lugo ao longo de 2025 e 2026.
Neste sentido, afirmou que “reforzar a rede viaria do rural é investir en saúde pública, é asegurar que unha persoa que vive en Cervantes, en Xermade, en A Fonsagrada ou no corazón do Courel ten o mesmo dereito a unha atención urxente e de calidade que quen vive en Lugo, Santiago ou Vigo”. “Estamos falando de desigualdade sanitaria e dunha brecha profunda entre o urbano e o rural a consecuencia do estado de moitas das infraestruturas viarias existentes no noso rural”, sinalou.