O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o teito de gasto de 14.177 millóns de euros para os orzamentos xerais da Xunta para o ano 2026, “os máis altos da súa historia e que servirán para consolidar e para continuar ampliando o mellor e máis amplo estado do benestar que os galegos nunca teñen desfrutado”, asegurou o portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos.
“Namentres España permanece na maior das incertezas políticas, Galicia está a crecer de maneira sólida e sustentable, froito da planificación rigorosa dun goberno que durante tres lustros antepuxo os intereses dos galegos ao interese particular ou partidista”, manifestou Pazos. Neste sentido, lembrou que “cando o cómodo era endebedarse sen límite, Galicia apostou por un aumento moderado da débeda; e mentres outros apostaban por un asfixiante aumento da presión fiscal, Galicia baixaba impostos para aliviar as familias e favorecer o emprendemento”.
COMEZAR A LEXISLATURA
Alberto Pazos tamén quixo facer “un recoñecemento á oposición, sen dúbida a máis apocalíptica, cinza, desnortada e cínica da historia do noso autogoberno”. “Sosteñen e aplauden un Goberno de España anegado de corrupción, politicamente paralizado e incapaz de cumprir as súas obrigas institucionais, ao tempo que intentan convencernos de que este goberno moribundo vai esgotar a lexislatura, cando a pregunta é se imos comezala nalgún momento, porque seguimos cos orzamentos da anterior lexislatura, aprobados en 2022”, sinalou.
“Son os mesmos deputados que afirman aspirar á soberanía fiscal de Galicia, pero aceptan sen queixarse que, sen o concurso das institucións galegas, se negocie unha transferencia da débeda a medida de Cataluña”, lamentou o portavoz popular, quen anotou que “os mesmos deputados que afirman defender un maior autogoberno para Galicia póñense unha e outra vez do lado dos que tentan limitar ese autogoberno”.