O PPdeG celebra o recente aval da xustiza europea á tramitación dos proxectos eólicos por parte do Goberno galego na medida en que “abre un novo horizonte de proxectos industriais en Galicia” e fai posible un futuro con enerxías limpas, industria e emprego na Comunidade.
Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral Paula Prado nunha visita que realizou a un parque eólico ubicado en Lalín xunto á responsable de Medio Ambiente no Goberno galego, Ánxeles Vázquez, e o alcalde e senador José Crespo. Unha visita na que todos eles valoraron de xeito moi positivo a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) sobre a tramitación ambiental dos proxectos eólicos levada a cabo en Galicia nos últimos anos.
“Nós xa sabiamos que os técnicos da Xunta son uns magníficos profesionais que traballan con rigor, obxectividade e sen outra presión que o cumprimento da lei. Pero fixo falta que o recoñeceran o Tribunal Supremo e, agora, o TXUE”, asegurou a número dous dos populares galegos ao tempo que amosaba a súa satisfacción polo feito de que “por fin se fixo xustiza fronte ao bloqueo”.
Un bloqueo do que culpou “aos de sempre, aos do ‘non’ sistemático, aos da crítica sen proposta e aos que sempre poñen os seus intereses partidistas por riba do interese xeral e do futuro de Galicia”. Pedíndolles agora “respecto” ás sentenzas xudiciais, Paula Prado esixiu ademais unha desculpa pública para “todas aquelas persoas ás que se lle faltou ao respecto con estas críticas”.
“A partir de agora será o momento de aproveitar todas as oportunidades que temos por diante, sempre desde o respecto ao medio ambiente e aos galegos e galegas”, concluíu a secretaria xeral do PPdeG reivindicando ao seu partido como “o partido do ‘si’ a Galicia, ás enerxías, á industria, ao emprego e ao futuro”.
VOLVER A COLLER O RITMO LOGO DO PARÓN
Na mesma liña, Ángeles Vázquez avogou por “restituír a normalidade” logo desta sentenza e comprometeu o traballo do Goberno galego para, co mesmo rigor e coa mesma claridade que ata o de agora, “deixar atrás o parón que houbo durante estes anos e volver coller o ritmo do futuro”.
“En Lalín hai catro parques eólicos proxectados dos que tres están autorizados pero paralizados só porque o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia entendía que a tramitación non cumpría todos os preceptos das directivas nacional e europea”, explicou como exemplo da importancia das sentenzas do Tribunal Supremo e do TXUE para “deixar totalmente claro o rigor dos técnicos municipais e da asesoría xurídica xeral”.
A responsable de Medio Ambiente no Executivo autonómico pediu “a máxima premura” nas futuras sentenzas xudiciais pendentes e lamentou o tempo “perdido” estes anos antes de concluír: “Despois da claridade que aporta a sentenza europea, xa non quedan desculpas e temos que seguir convencendo á poboación do que supón a implantación da eólica en Galicia e que non queda outra cousa que avanzar cara ás enerxías verdes e limpas”.
UN ANTES E UN DESPOIS PARA OS CONCELLOS GALEGOS
José Crespo amosouse convencido tamén de que o aval da xustiza europea ao traballo da Xunta de Galicia “vai marcar un antes e un despois” e celebrou que, a pesar de todo o esforzo, “ao final a razón sempre se impón”.
“Para ter vida, sobre todo nos concellos de interior, que temos máis dificultades de acceso a recursos que os da costa, temos que aproveitar os recursos que temos. Porque na nosa terra, se non temos de que vivir, non temos nada”, subliñou incidindo na importancia dos proxectos eólicos para o futuro de lugares como Lalín.
O alcalde e senador criticou as “arremetidas” protagonizadas neste tempo por colectivos e partidos que “só traballan pola Galicia do ‘non’ e consideran que só o que fan eles está ben feito”. E, neste sentido, sentenciou: “Aí está a quen lle dá a razón a Xustiza e a quen non”.