O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG e PSdeG, a través da que se reitera ao Goberno de España a urxente necesidade de completar o cadro de persoal da Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA) para que poida seguir prestando as súas funcións en termos de seguridade e eficiencia, en ámbitos como na protección das vítimas de violencia de xénero ou na prevención e investigación dos incendios forestais. En concreto, a viceportavoz popular, Paula Prado, lembrou que este corpo “perdeu unha media de nove axentes cada ano desde que goberna Pedro Sánchez, a pesar de que o ministro Marlaska adquiriu o compromiso de reforzalo cun mínimo de 50 axentes”.
Paula Prado lamentou que a Unidade de Policía Adscrita a Galicia “seguiu batendo récords á baixa no número de axentes e tocou fondo este ano: actualmente afronta o día a día cunha plantilla aínda máis mermada e reducida a 341 axentes, tres menos que o pasado ano e a cifra máis baixa desde que comezou a operar en 1991”.
RECORTE DO 28% DESDE O GOBERNO DE MARIANO RAJOY
“A UPA vive unha situación dramática, porque se continúa sen reforzos vaise ver irremediablemente obrigada a deixar de prestar algúns dos seus servizos”, lamentou a viceportavoz popular. En concreto, referiuse á protección da vítimas de violencia de xénero, xa que hoxe so hei un axente por cada sete vítimas incluídas no sistema Viogen; ou á prevención e investigación dos incendios forestais.
Neste sentido, explicou que “estamos a falar dun recorte de plantilla de máis dun 28 % desde que en 2013 o Goberno de Mariano Rajoy realizara a última cobertura de prazas, que permitiu acadar a cifra récord de 474 axentes”, e lamentou que “a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa agudizou aínda máis o recorte, xa que nestes últimos anos perdemos un total de 63 axentes”.
Deste xeito, Prado concretou que “temos un corpo policial con 3 de cada 10 postos vacantes e ao 68 % da súa capacidade total; con dificultades organizativas pola falta de mandos; con cada vez máis axentes preto de pasar á segunda actividade; e que só coa súa vocación de servizo público e a duras penas é quen de facer máis con menos”.