A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, pediu hoxe ao Goberno central que cese coa conxelación das achegas do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) que Galicia recibe do Estado, de tal xeito que os recursos adicionais que reciba poidan ser destinados ao financiamento de obras ou actuacións que favorezan o reequilibrio e o desenvolvemento de todos os territorios, dea cumprimento ao compromiso asumido por Pedro Sánchez de incrementar as achegas e retome a contía equivalente á realizada en 2009.
Tomando como referencia o informe do Consello de Contas, Cristina Sanz lembrou que a dotación do FCI nos orzamentos do Estado para o ano 2023 era de 432 millóns de euros, o que representa unha caída do 67,68 por cento desde o ano 2008 e un importe conxelado desde 2014.
Ademais, a participación de Galicia nese fondo experimentou unha caída do 81,02 por cento desde 2008, sendo a comunidade máis afectada e recibindo en 2023 a porcentaxe máis baixa de todos os exercicios analizados (8,92 por cento). En concreto, o Estado pasou de destinar a Galicia a través deste fondo 197 millóns de euros en 2009 a 38,6 millóns na actualidade.
NOVO DESEÑO
Diante desta situación, e recollendo o manifestado polo Consello de Contas, a viceportavoz popular demandou “un novo deseño do fondo de compensación interterritorial que garanta o financiamento suficiente dos investimentos produtivos das comunidades autónomas e reduza os desequilibrios territoriais, velando polo establecemento dun equilibrio económico adecuado e xusto, e unha mellor aplicación do principio de solidariedade”.
Cristina Sanz criticou que “a promesa de Pedro Sánchez de duplicar os recursos dos fondos de cohesión territorial segue pendente de concretarse”, pero, a pesar de que eses recursos non experimentaron variacións desde o ano 2014, o gasto licitado pola Comunidade galega pasou de 580 millóns de euros naquel ano a 1.404 millóns no 2023. “A pesar da conxelación dos fondos estatais, Galicia case triplicou o seu gasto en investimentos, tendo que financialos con cargo aos seus propios recursos”, salientou.