A Comisión especial de estudo sobre a posible modificación da letra do himno de Galicia aprobou o seu plan de traballo, sen ningún voto en contra, que, ademais de incorporar toda a documentación reunida pola ponencia constituída xa na X lexislatura, inclúe a elaboración de informes e comparecencias da Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, ademais da presenza do catedrático Manuel Ferreiro Fernández.
O deputado popular José Luís Ferro manifestou que “o plan de traballo ten un valor engadido moi importante porque da protagonismo á cultura e á ciencia galega, non á improvisación nin á polémica, respectando o legado de Pondal pero abrindo tamén unha xanela para pensar no futuro”.
“Non se pode afirmar que é urxente tomar unha decisión definitiva e formular unha proposta cun horizonte temporal de, como mínimo, un ano vista; nin se pode afirmar que buscamos o consenso e propoñer organizacións de parte, cando xa hai antecedentes de consultas ás principais institucións académicas de Galicia; nin se pode afirmar que a modificación dun símbolo de Galicia require unanimidade política e consenso social e pretender impoñela cun articulado pechado; nin podemos afirmar que o himno como símbolo de Galicia ten un enorme valor simbólico e abordar o debate da súa posible modificación só desde un punto de vista do seu rigor filolóxico”, indicou José Luís Ferro respecto das propostas realizadas polos demais grupos parlamentarios.
Deste xeito, cualificou o plan de traballo aprobado como “serio, obxectivo e que solicita os informes pertinentes das institucións que son de todos, non de ningunha cor política”. “Orientar os traballos desta comisión cara unha conclusión predeterminada sería un grave erro, porque o que debemos permitir é un debate aberto e obxectivo sobre se é conveniente ou non modificar o noso himno”, indicou.