O PPdeG pediu hoxe a dimisión da ministra da Igualdade polos fallos “inadmisibles” nas pulseiras antimaltrato e pola súa complicidade cos escándalos do PSOE: “É hora de aforrarnos a unha ministra que decidiu aforrar na protección das mulleres e a un Goberno que só emprega o feminismo como escudo político para tapar a inmoralidade do seu partido”.
Faino tras a reunión da Comisión de Igualdade do partido celebrada esta mañá na véspera do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. Unha reunión que estivo encabezada pola secretaria xeral Paula Prado, a responsable de Promoción da Igualdade no Goberno galego, María Quintiana, e a coordinadora deste órgano, Raquel Touriño.
Logo de analizar o balance do Goberno central en materia de igualdade, desde o PPdeG recordan con ironía as palabras de Pedro Sánchez presumindo de encabezar o Goberno “máis feminista da historia” cando en realidade “en ningún caso pode ser feminista porque é socialista”.
Argumentan así que “non hai nada menos feminista que comprar nas rebaixas unhas pulseiras antimaltrato defectuosas para supostamente protexer ás vítimas cando o único para o que servían era para facilitar a absolución dos seus agresores”. Uns feitos que van na liña das nefastas consecuencias da Lei do ‘só si é si’, aprobada co voto a favor do BNG e coa que “máis de 1.000 agresores sexuais saíron do cárcere ou viron rebaixadas as súas penas”.
Tampouco é feminista, en opinión dos populares galegos, que Sánchez pretenda agora combater a prostitución “cando ten no seu entorno a persoas como Ábalos, Koldo ou o ‘Tito Berni’, cando todos sabemos cales eran os negocios do seu sogro e cando leva sete anos gardando nun caixón a aprobación dunha Lei de Trata que é indispensable para erradicar unha lacra que está detrás de máis do 80% dos casos de mulleres prostituídas”.
“Xa non é que non sexan feministas, senón que nin sequera lles importan os dereitos das mulleres”, conclúen no PPdeG incidindo en que, nesta materia, “ao Goberno de Sánchez hai que valoralo máis que polo que di, polo que fai e especialmente por aquelo que non fai”.
Nesta liña remarcan o incumprimento na aprobación da Lei de Trata que se contemplaba no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero de 2017, así como decisións tan “lesivas” para os dereitos das mulleres no eido da conciliación como a eliminación do 100% de bonificación por baixa de maternidade ou o recorte dos fondos destinados ao Plan Corresponsables.
Os populares pregúntanse se todo isto responde a un desinterese real polos dereitos das mulleres ou a unha estratexia deliberada de Sánchez por baleirar de contido o Ministerio de Igualdade e acabar suprimíndoo como xa fixera no seu día o expresidente socialista José Luis Rodríguez Zapatero en 2010.