O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, afirmou hoxe no Parlamento galego que “a paralización do desenvolvemento das enerxías renovables, provocada polo Goberno de Pedro Sánchez, co apoio incondicional do BNG, ten un custo de 2,5 millóns de toneladas de CO2 ao ano, a mesma cantidade que emitirían dous millóns de vehículos”.
Gonzalo Trenor salientou que “Galicia é a comunidade con maior capacidade de absorción de CO2, chegando a case unha de cada cinco toneladas capturadas en España, situándose, ademais, como a comunidade que máis reduciu as súas emisións netas de gas de efecto invernadoiro”. “En concreto, desde 1990 reducimos un 62 por cento as emisións netas de gases de efecto invernadoiro, cando o descenso medio a nivel nacional foi do 12,6 por cento, o que supón que superamos o obxectivo do 55 por cento establecido pola Unión Europea para 2030”, anotou.
Respecto da vaga de incendios deste pasado verán, o portavoz popular destacou que “o amplo dispositivo despregado permitiu protexer os nosos espazos naturais e a nosa biodiversidade e hábitats, conseguindo que a afección a estes territorios fora mínima”. En concreto, dixo que houbo cinco hectáreas afectadas no Invernadeiro, outras cinco hectáreas nas Fragas do Eume, 10 hectáreas no Xurés e uns centos de metros cadrados en Corrubedo.
“E a Xunta xa está actuando para previr as posibles consecuencias dos lumes nos ríos, con medidas orientadas a crear barreiras anticontaminación nas contornas fluviais das zonas afectadas”, manifestou o portavoz popular, quen demandou que o Goberno central “faga o mesmo que está a facer o Goberno galego nos ríos que son da súa competencia”.