O Parlamento de Galicia acordou hoxe, a través dunha proposición non de lei, amosar a máis firme e rotunda condena do ataque que sufriron as instalacións do futuro centro de acollida de menores estranxeiros de Monforte. Así mesmo, demándase ao Goberno de España que abandone a súa política de imposición sobre un reparto de menores inxusto e arbitrario, que só beneficia aos seus socios parlamentarios, ao tempo que dote ás comunidades autónomas do financiamento necesario para manter a estes menores migrantes e cumpra de xeito inmediato a orde do Tribunal Supremo de acoller a 1.000 menores solicitantes de asilo que se atopan en Canarias.
A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, cualificou de “intolerable” o ataque que sufriu en Monforte o centro da Asociación Prodeme que vai acoller migrantes menores e asegurou que “Galicia non vai tolerar actitudes de racismo ou xenofobia”. Así, criticou que “o primeiro que a nivel local amosou a súa incomodidade con que os menores migrantes fosen a Monforte foi o seu alcalde socialista, moi solidario e a favor de que veñan 317 menores a Galicia, pero se algún deles ten que ir para Monforte entón xa hai problemas, a pesar de que a decisión e o reparto vén imposto polo Goberno socialista de Pedro Sánchez”.
“Galicia foi e é unha terra acolledora, e a Xunta e o Partido Popular tamén, como o demostra o feito de que esta Comunidade autónoma teña acollido ata o momento, de forma voluntaria, o 16 por cento dos menores non acompañados, cando por poboación nos correspondería o 6 por cento”, sinalou.
Raquel Arias lembrou que o sistema de reparto dos menores migrantes “funcionaba ata que a principios de 2025 o Goberno de Pedro Sánchez, a través de decretos e logo dun acordo cos independentistas cataláns, aplaudido polo BNG, modificou a Lei de estranxeiría para que o reparto o fixera o goberno e as comunidades o tivesen que aceptar forzosamente”. “Ademais, o PSOE creou un sistema de cálculo para que fosen as comunidades gobernadas polo PP as que acollesen o maior número de menores, deixando tanto a Cataluña como ao País Vasco fora deste reparto”, apuntou.
FINANCIAMENTO E NEGOCIACIÓN
“Deste xeito, será a Comunidade galega a que terá que facerse cargo de absolutamente todos os gastos de vivenda, manutención, roupa, sanidade e educación sen que o Estado nos dea financiamento algún, o que suporá un desembolso para Galicia de 30 millóns de euros ao ano”, indicou.
A portavoz popular incidiu que “a Xunta está a favor de acoller inmigrantes e inmigrantes menores, como veu facendo sempre, pero ese acollemento ten que facerse non pola imposición, senón logo dunha negociación co Goberno; con financiamento por parte do Goberno central; e nun número adecuado ás nosas posibilidades de acollida”.
Neste sentido, explicou que “o noso sistema de acollemento consiste en pequenas residencias repartidas por toda Galicia e na que conviven menores de España e de calquera outra nacionalidade, o que o converte nun dos modelos máis inclusivos e integradores de España”.
Raquel Arias lamentou que “neste momento estas residencias están xa ao 108 por cento de ocupación, polo que a imposición de acollida sen previsión de 317 menores máis irremediablemente nos leva a ter que habilitar residencias con máis capacidade”.