O viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia é a comunidade máis inclusiva de España co 93,3 por cento do alumnado con necesidades educativas especiais matriculado en centros ordinarios”. “Esta situación anima a seguir incorporando melloras, como ser desde o pasado curso a única comunidade autónoma que pondera ao alumnado que presenta necesidades educativas especiais contabilizándoo por dous ou por tres dentro da aula, tanto en educación infantil como en primaria; e desde o pasado 1 de setembro está en marcha a Estratexia de Inclusión, aprobada hai uns meses no Consello da Xunta”, indicou.
Julio García Comesaña afirmou que “no sistema educativo desenvolven actualmente a súa labor máis de 5.000 profesionais dedicados á atención á diversidade, logo de que nos últimos 15 anos se duplicara o número de especialistas tanto de pedagoxía terapéutica como de audición e linguaxe”. “O sistema conta actualmente con máis de 700 profesionais por riba do catálogo aprobado para os centros”, destacou.
MELLORAS PARA O PROFESORADO
Respecto da Estratexia Galega de Inclusión, García Comesaña lembrou que está dotada con 116 millóns de euros ata o 2030 para avanzar en propostas como a creación de ciclos de formación profesional adaptada, en colaboración cos centros de educación especial; a posta en marcha de medidas e programas de acompañamento ao alumnado con necesidades específicas; a mellora da formación do profesorado en activo e do futuro, en coordinación coas facultades; e o impulso de itinerarios formativos adaptados aos ritmos e necesidades do alumnado en risco de abandono.
Por último, o viceportavoz popular asegurou que “o profesorado goza en Galicia de melloras acordadas cos sindicatos que as quixeron” e explicou que “o horario do profesorado de primaria xa se reduciu en Galicia de 25 a 23 horas no curso 2024-25, e o paso de 20 a 18 horas en secundaria tamén está previsto no acordo acadado cos sindicatos”.