O Grupo Popular levará ao Pleno do Parlamento galego da vindeira semana unha proposición non de lei, coincidindo coa concesión do Premio Nóbel da Paz a María Corina Machado, a través da que se condena enerxicamente o réxime de Nicolás Maduro polo encarceramento de prisioneiros políticos, esixindo a liberación inmediata e incondicional de todos eles e das persoas detidas arbitrariamente en Venezuela.
Por outra banda, o Grupo Popular tamén demandará ao Goberno de España a posta en marcha de medidas urxentes para que non se volva repetir o caos que se desata cada vez que se suspende o servizo ferroviario, ao tempo que se solicita o desbloqueo urxente de proxectos prioritarios para Galicia en materia ferroviaria que se atopan retrasados.
A orde do día da sesión plenaria, aprobada esta mañá na Xunta de Portavoces, inclúe a comparecencia do conselleiro de Emprego para informar das accións que está a desenvolver este departamento do Goberno galego na procura de reter e sumar talento cara a cobertura de postos vacantes no eido laboral.
PARTICIPACIÓN DA OPOSICIÓN EN VENEZUELA
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular pedirá que o Parlamento galego condene enerxicamente o réxime de Nicolás Maduro en Venezuela polo encarceramento de centos de prisioneiros políticos que se atopan detidos en condicións que vulneran as regras mínimas de Nacións Unidas para o tratamento de reclusos. Neste sentido, esixe a liberación inmediata e incondicional de todos estes prisioneiros políticos e das persoas detidas arbitrariamente, así como o pleno restablecemento dos seus dereitos e liberdades, instando ao réxime de Nicolás Maduro a que poña fin á súa política de represión e aos seus ataques contra a sociedade civil e a oposición.
A iniciativa do Grupo Popular demanda, ademais, que a comunidade internacional apoie o retorno á democracia en Venezuela, na que debe permitirse a plena participación da líder da oposición ao réxime e recentemente recoñecida co Premio Nóbel da Paz, María Corina Machado.
A segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten que ver coas habituais interrupcións do tráfico ferroviario que están a sufrir os usuarios destes servizo de transporte, acompañado dunha total falta de información e ausencia dunha alternativa para realizar os desprazamentos necesarios. Investimentos pendentes desde hai anos; supresións de servizos desde a pandemia; falta de ofertas de prazas; frecuencias insuficientes; incumprimentos de horarios; tempos de viaxe e supresión de servizos sen previo aviso; material obsoleto con continúas avarías; ou límites á compra anticipada son algúns das deficientes que padecen os usuarios do servizo ferroviario en Galicia e en toda España, resultado dunha xestión neglixente do Goberno de Pedro Sánchez.
Diante desta situación, o Grupo Popular demandará no Pleno que o Goberno central a posta en marcha das medidas urxentes necesarias para que non se volva a repetir o caos ferroviario que se desata cada vez que se suspende o servizo ferroviario, tanto no referente a medios a dispoñer, información ás persoas usuarias e comunicación e coordinación caos administracións afectadas. Así mesmo, pídese o desbloqueo urxente de todos os proxectos prioritarios en materia ferroviaria pendentes para Galicia e dos que non se teñen novas.
Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola súa valoración respecto a que, un ano despois da aprobación da coñecida como Lei ELA, esta norma aínda non conte coa dotación orzamentaria necesaria para a súa materialización; sobre os resultados do programa de cribado de cancro de mama desde a súa posta en marcha hai xa máis de 30 anos; e sobre a proposta de nova PAC que prevé entrar en vigor a partir do ano 2027.