O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a futura Lei do Clima de Galicia, que hoxe pasou o seu trámite de debate de totalidade, “suporá un avance moi importante para acadar que a Comunidade galega sexa unha rexión neutra en emisións, mellorando os rexistros que xa presenta na actualidade e que a sitúan como líder en redución de emisións netas de CO2 desde 1990”.
Gonzalo Trenor salientou que “Galicia está a reducir as emisións netas de CO2 a un ritmo cinco veces superior ao conxunto de España, superando xa o obxectivo do 55 por cento establecido pola Unión Europea para 2030”. “Con esta norma, Galicia será a primeira comunidade autónoma en establecer por lei o adianto en dez anos do obxectivo de neutralidade climática, fixado pola Unión Europea en 2050”, concretou.
En concreto, o portavoz popular manifestou que a nova lei “nace para contribuír a mitigar as causas do cambio climático, limitando as emisións de gases de efecto invernadoiro a través do impulso das enerxías renovables ou a eficiencia enerxética”.