A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe que coa nova Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, que hoxe superou o debate de totalidade e continuará a súa tramitación parlamentaria, “Galicia da un paso adiante para situarse á vangarda das políticas de saúde pública, con medidas baseadas na evidencia científica e na experiencia acumulada dos profesionais e as entidades sociais”.
Encarna Amigo lembrou que “a metade dos adolescentes de 14 a 18 anos consumiron bebidas enerxéticas no último mes, e un número crecente mestúraas con alcohol; ao tempo que o consumo de vapeadores e cigarros electrónicos medra a un ritmo alarmante”. “Diante desta situación, non podemos mirar para outro lado e temos a obriga, legal e moral, de protexer ás xeracións máis novas fronte a riscos que poden comprometer o seu desenvolvemento físico, emocional e social”, indicou.
“Esta lei nace, precisamente, para previr antes de curar, para educar antes de sancionar e para acompañar antes de estigmatizar”, manifestou a portavoz popular, quen fixou tres principios básicos desta norma: a prevención e promoción da saúde; a protección dos dereitos da infancia e da adolescencia; e a corresponsabilidade social, “porque esta loita non é só das administracións, senón tamén das familias, dos centros educativos, dos concellos e da sociedade no seu conxunto”.
MEDIDAS CONCRETAS
Entre as medidas incorporadas nesta nova lei, Encarna Amigo destacou a prohibición e venda de vapeadores e bebidas enerxéticas a menores; a regulación da publicidade e promoción destes produtos; a prevención das adicións dixitais, incluíndo actuacións sobre o uso abusivo das redes sociais, dos videoxogos e das novas tecnoloxías; o reforzo da educación para a saúde nos centros escolares e no ámbito familiar; a detección temperá e atención integral ás condutas de risco desde o sistema sanitario público; ou a coordinación institucional entre as administracións públicas, o tecido asociativo e as entidades sociais cunha traxectoria recoñecida na prevención das adicións.
“Estamos a falar dunha lei moderna, integral e pioneira, coa que Galicia será unha das primeiras comunidades en contar cun marco normativo que aborda conxuntamente o consumo de substancias e as adicións sen substancia, incluíndo o uso das tecnoloxías dixitais”, sinalou a portavoz popular, quen anotou que “non estamos a falar de limitar dereitos, senón de garantir o dereito fundamental á saúde dos menores, que sempre debe prevalecer sobre intereses comerciais ou de consumo”.