A deputada do Grupo Popular Katy Varela volveu demandar no Pleno ao Goberno central a creación de novas prazas de xuíces de violencia sobre a muller nos xulgados de Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol e Santiago, sen que esta decisión conleve a supresión das seccións de instrución existentes na actualidade, como fixo recentemente nos xulgados de A Coruña e Vigo. “A Xunta xa anunciou a súa disposición a reforzar tanto as infraestruturas como o persoal necesario nestas novas seccións de violencia de xénero, pero falta a decisión política do Goberno central para poder poñelos en funcionamento”, indicou.
Katy Varela lembrou que “a Comisión de Xustiza de Galicia leva moito tempo reclamando a creación de novas unidades de violencia sobre a muller, pero sen ser a costa da destrución doutras seccións de instrución”. Neste sentido, saudou que o Goberno central “decidira este ano ampliar catro novas prazas de xuíces de violencia sobre a muller en Galicia, pero só as de Santiago e Ourense son de nova creación, mentres as de Vigo e A Coruña se crean a costa de suprimir outras seccións de instrución”.
MÁIS CARGA DE TRABALLO
“Esta decisión suporá un aumento nos asuntos das restantes prazas de instrución de Vigo e A Coruña, que na actualidade xa asumen nalgúns casos un volume de causas que supera o 98 por cento do limiar obxectivo fixado polo Ministerio de Xustiza”, manifestou.
A deputada popular afirmou que “a Xunta xa leva anos defendendo a necesidade de reforzar a resposta institucional fronte á violencia de xénero, unha prioridade absoluta que require recursos suficientes e unha planificación rigorosa, ante o que o Goberno galego sempre estivo listo para activar estas novas estruturas xudiciais”.