As deputadas do Grupo Popular Katy Varela e Encarna Amigo visitaron esta mañá as obras de reforma que a Xunta está a levar a cabo na residencia de maiores de A Milagrosa en Lugo, para as que reservou nos orzamentos de 2026 unha partida de un millón de euros. Ao remate do percorrido, criticaron a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o recoñecemento simultáneo da dependencia e a discapacidade, que en dez meses xa beneficiou a máis de 10.200 dependentes e provocará un atraso na percepción das axudas por parte dos afectados.
Respecto das obras que se acometen na residencia de A Milagrosa, Katy Varela e Encarna Amigo destacaron que a remodelación enmárcase no modelo implantado pola Xunta para optimizar a atención que reciben os maiores nestes centros. En concreto, procederase á mellora tanto da envolvente térmica e a cuberta como dos espazos interiores, buscando mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade e o confort dos residentes.
DEMAGOXIA DO GOBERNO CENTRAL
As deputadas populares avanzaron as graves consecuencias que para os dependentes e discapacitados galegos terá o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central contra o plan de choque posto en marcha pola Xunta para axilizar a tramitación das prestacións de dependencia e discapacidade. “Con esta decisión, o que está a provocar o Goberno de Pedro Sánchez é que todos estes galegos teñan que pasar por unha dobre valoración e atrasar a chegada das prestacións que precisan e merecen, cando o Goberno central sabe que esas equivalencias están demostradas”, sinalaron.
“É máis, resulta demagóxico que o Goberno de Sánchez considere inconstitucional esta convalidación directa das prestacións de dependencia e discapacidade en Galicia e ao mesmo tempo incorpore este mesmo procedemento no anteproxecto de modificación da Lei de dependencia estatal”, apuntaron.
Para rematar, criticaron “o constante boicot ao que o Goberno de Pedro Sánchez somete as decisións que se adoptan en Galicia, como aconteceu recentemente coa Lei do litoral, cando no que debería de centrarse é en buscar os fondos necesarios para abonar os máis de 2.500 millóns de euros que debe a Galicia pola prestación da dependencia”. “A pesar desta situación, a Xunta segue cumprindo coa atención aos nosos maiores e dependentes, como o demostra esta obra de rehabilitación que se está a realizar na residencia lucense de A Milagrosa”, dixeron.