O Partido Popular de Galicia vai pedir explicacións ao Goberno central, este martes no Congreso, sobre as posibilidades da gratuidade a transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia.
Será durante a Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, na que está previsto que o deputado Celso Delgado formule unha pregunta ao Executivo de Sánchez.
Delgado cuestionará se o Goberno “ten vontade de iniciar a tramitación do rescate da concesión e liberalización da peaxe da AP-9 por ser esta a alternativa máis vantaxosa para o interese público” e aproveitará tamén para xulgar as “decepcionantes” emendas á proposición de lei orgánica de traspaso da autoestrada presentadas esta semana polo PSOE.
“Dixemos que nos iamos manter vixiantes e esixentes, e seguimos cumpríndoo, ata lograr o que todos ansiamos desde o primeiro día: unha AP-9 galega e sen peaxes”, expresa o deputado do PPdeG e vicepresidente segundo da devandita Comisión.
Despois de case seis anos de espera e máis de 60 bloqueos no Congreso, os populares non entenden que o PSOE “se rebele ante a decisión unánime do Parlamento de Galicia e ante o desexo dos galegos”.
“Este martes ímoslle dicir á cara ao Goberno de Sánchez que as súas intencións de paralizar a transferencia non son as correctas e que non poden tratar de volver a enganarnos. Teñen que recapacitar”, sinala Delgado, que tamén lle pide ao BNG “menos vitimismo” cando “son socios de Sánchez” e “ata a semana pasada lanzaban mensaxes triunfalistas”.