O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, visitou esta mañá a quinta edición da Feira L de Lugo, unha cita gastronómica que se celebra no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e que reúne o mellor da distribución, a hostalaría e a restauración da comunidade.
Durante o seu percorrido polos distintos stands e actividades do evento, Rueda cualificou a feira como “fantástica” e puxo en valor o seu papel como escaparate da calidade e da innovación do sector alimentario galego. “Para comer, Lugo, sen ningunha dúbida”, asegurou o presidente popular durante a posterior tradicional pulpada organizada polo PP de Lugo.
Nas súas redes sociais, Rueda expresou tamén a súa satisfacción por participar nun encontro que, segundo destacou, “reúne o mellor da distribución, a hostalaría e a restauración. Un sector esencial que xera emprego, dinamiza a economía e promove o produto galego e a Galicia Calidade”.