O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a estudar a elaboración dun protocolo para o acompañamento das persoas con discapacidade visual nos centros sanitarios galegos, en consenso e coa participación dos profesionais da saúde e das organización que traballan para garantir e ampliar as súas condicións de accesibilidade e inclusión.
A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, afirmou que “a inclusión real significa que todas as persoas, independentemente das súas condicións físicas, mentais ou sensoriais, poidan participar plenamente na sociedade”. En concreto, manifestou que “situacións tan habituais como acudir a un centro de saúde, clínica ou hospital, solicitar unha cita ou estar pendente da quenda de chamada a unha consulta pode verse condicionada pola discapacidade visual, ao tempo que as posibilidades de desorientación dentro do centro sanitario son especialmente elevadas en persoas con discapacidade visual, polo que parece oportuno xerar un ambiente onde se garanta autonomía da persoa e o apoio necesario para a súa plena inclusión”.
FORMACIÓN ESPECÍFICA PARA OS PROFESIONAIS
“Todas estas razóns fan recomendable que a Xunta impulse a elaboración dun protocolo ou guía de acompañamento a persoas con discapacidade visual nos centros sanitarios para garantir un trato accesible e unha asistencia personalizada”, sinalou a portavoz popular. Ademais, considerou “axeitado levar a cabo unha formación específica para os profesionais sanitarios sobre as técnicas de acompañamento a persoas con discapacidade visual, que pode facerse da man e en colaboración coas propias organizacións que agrupan a persoas cegas ou con discapacidade visual”.
Raquel Arias lembrou que o Servizo Galego de Saúde “xa está promovendo diferentes accións para garantir a accesibilidade e a igualdade de oportunidades para persoas con discapacidade física, incluída a visual, e a mobilidade reducida”. En concreto, referiuse ao proxecto piloto de sinalización para persoas con discapacidade visual que se está desenvolvendo na área sanitaria de Vigo; o procedemento de atención a persoas con mobilidade reducida en consultas externas, servizos de urxencias e centros de atención primaria; ou o proxecto de atención a persoas con mobilidade reducida ou discapacidade visual que se está a traballar na área sanitaria de Ferrol.