A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, salientou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que o 96 por cento dos beneficios fiscais da Xunta favorecen ás rendas medias e baixas, así como aos colectivos vulnerables. Así mesmo, volveu rexeitar a quita da débeda proposta polo Goberno central, porque “a comunidades con menos capacidade financeira, pero que sempre actuaron de xeito responsable na xestión dos seus recursos e non gastaron o que non tiñan, como é o caso de Galicia, se lles está obrigando a pagar o que comunidades máis ricas gastaron de xeito irresponsable”.
Cristina Sanz concretou que os orzamentos da Xunta para 2026 recollen que os galegos beneficiaranse o vindeiro ano de cerca de 800 millóns de euros en beneficios fiscais, dos que 326 corresponden ao imposto de sucesións e doazóns, 79 millóns ao imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, 47 millóns ás rebaixas no IRPF, e 300 millóns en rebaixas de taxas e prezos dedicadas á gratuidade da universidade, das escolas infantís e dos comedores escolares.
MODELO FISCAL PROPIO
“Por tanto, de todos os beneficios fiscais que establece a Xunta, só un deles favorecerá ás rendas altas: a bonificación no imposto sobre o patrimonio, que só representa o 4 por cento de todos os beneficios fiscais”, apuntou. Neste sentido, dixo que “defendemos que se manteña esta bonificación para evitar a deslocalización dos patrimonios asentados en Galicia e evitar que estas persoas se trasladen a territorios cunha fiscalidade máis liviana ou totalmente inexistente”.
A portavoz popular asegurou “comprender que a PSdeG e BNG non lles guste o modelo fiscal galego propio, responsable e sostible, porque é radicalmente distinto ao modelo fiscal de Pedro Sánchez, que tan só ten unha característica: ser un inferno fiscal para as clases medias, as pequenas e medianas empresas, e os autónomos”. “Desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa subiu preto de cen veces os impostos e as cotizacións sociais, e de cara ao futuro o Fondo Monetario Internacional xa alerta de que os españois pagaremos 6.500 millóns de euros máis en impostos o vindeiro ano”, dixo.
Respecto da quita da débeda ás comunidades autónomas, Cristina Sanz reiterou que “non imos apoiar unha condonación que prexudica aos galegos, porque a débeda non desaparece, senón que cambia de mans, se mutualiza e se redistribúe”. Ademais, negou que esta quita da débeda xere unha maior capacidade de gasto e, referíndose ao propio artigo 10 do anteproxecto, afirmou que “os recursos liberados, incluído o aforro en xuros, non poderán dedicarse ao financiamento das políticas públicas, perpetuando o déficit de financiamento que temos todas as comunidades autónomas para asumir os custos duns servizos públicos cada vez máis onerosos”.