O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que reforme a Lei 7/2022 e derrogue a obriga de establecer unha taxa que repercuta o 100 por cento do custo da xestión dos residuos urbanos nos cidadáns, creando un sistema flexible de financiamento deste servizo que permita aos concellos cubrilo con cargo aos seus orzamentos ou mediante modelos mixtos, ao tempo que poidan xeneralizar bonificacións sociais para familias vulnerables, pensionistas ou autónomos con baixos ingresos. Deste xeito, pídese a creación dun Plan Nacional de Infraestruturas para a Economía circular, cofinanciado con fondos europeos, que permita mellorar os sistemas locais de recollida e tratamento de residuos sen trasladar todo o custo ao cidadán.
A deputada popular Loli Hermelo afirmou que o obxectivo desta iniciativa “é defender a Galicia e aos galegos ante decisións que, tomadas lonxe, teñen consecuencias directas nas novas vilas, nas nosas parroquias e na economía das familias galegas”. “Unha proposta para modificar esta lei estatal inxusta, antisocial e centralista, que impón a obriga de repercutir o 100 por cento do custo da xestión dos residuos urbanos directamente nos cidadáns”, anotou.
“Obrigan a cada concello a crear un sistema de recadación específico e confiscatorio cos custes engadidos, e todo ilo que o paguen os galegos”, criticou a deputada popular, quen salientou que esta lei “é especialmente nociva para os concellos rurais, que soportan unha recollida do lixo máis cara debido á dispersión da súa poboación”.
Loli Hermelo lamentou que “España adoptou esta medida de xeito voluntario porque así o decidiu Pedro Sánchez, negando aos concellos a posibilidade de cofinanciar o servizo de recollida do lixo nin establecer bonificacións para os colectivos vulnerables”.
Así mesmo, explicou que esta lei “está mal deseñada, porque non se fixo unha avaliación real do impacto económico nos municipios, nin tampouco se prevén fondos de compensación” e acusou a PSOE e BNG de apoiar “un ecoloxismo de hipocrisía, porque non se destina un só recurso na lei á educación ambiental nin á reciclaxe industrial”.