Os deputados ourensáns do Grupo Popular demandarán no Parlamento de Galicia que as confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro adopten medidas urxentes de protección dos ríos e as traídas de augas nas zonas afectadas polos incendios forestais deste verán en Ourense, ante a chegada das choivas e a creación de escorrentías con cinza e restos vexetais.
Nunha xuntanza que celebraron no Parlamento galego, Miguel Ángel Viso, Miguel Santalices, José Luís Ferro, Víctor Baladrón, Juan Casares, Noelia Pérez, Cristina Campero e Argimiro Marnotes amosaron a súa preocupación pola escasa resposta das confederacións hidrográficas dependentes do Goberno central para prever as escorrentías coa instalación de barreiras anticontaminación, a limpeza de marxes e canles, ou a restauración vexetal das beiras.
TRABALLO PREVENTIVO DA XUNTA
“A Xunta, consciente dos danos que os restos dos incendios forestais poden provocar nos ríos e nas traídas de auga, xa leva tempo mobilizando recursos e traballando nas zonas afectadas polos lumes dentro do seu ámbito de competencia, que é a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, unha situación que contrasta coa falta de axilidade amosada polas confederacións hidrográficas dependentes do Goberno central e que son as responsables de actuar na provincia de Ourense”, manifestaron.
Deste xeito, os deputados populares urxiron ás demarcacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro para que procedan á limpeza e retirada de materiais das marxes e canles dos ríos, á restauración vexetal das beiras; á realización de accións de control da erosión do solo; á implantación de medidas ante choivas torrenciais; e á supervisión directa das infraestruturas hidráulicas que poidan verse comprometidas polos arrastres.
Ademais, esixen que estas demarcacións hidrográficas reforcen os sistemas de control e vixilancia da calidade da auga, tal e como está a facer a Xunta, ampliando a rede de puntos de seguimento en ríos e regados afectados polos lumes e garantindo a publicación pública e transparente dos datos recollidos en tempo real.