Os mozos e mozas de Novas Xeracións reivindicaron dende Monforte de Lemos que “a xuventude non é unha enfermidade”, senón “forza, talento e futuro”. A presidenta da formación xuvenil do PPdeG, Nicole Grueira, subliñou que “o Partido Popular estará sempre do seu lado”.
Os membros de Novas Xeracións manifestaron o seu profundo rexeitamento ás palabras do presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé, durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia: “chamar enfermidade á xuventude é unha auténtica falta de respecto aos mozos e mozas. As súas palabras son absolutamente inxustas, ofensivas e impropias dun cargo público”.
Nicole Grueira considera “vergoñento e inaceptable que un representante institucional se refira á mocidade con desprezo, alimentando estereotipos en lugar de recoñecer o seu valor”. E, polo tanto, esixe “unha desculpa por parte do presidente, non por min; senón por todos os mozos e mozas”.
“As declaracións de Tomé son unha falta de respecto intolerable cara a toda unha xeración que traballa, estuda, emprende e loita cada día por sacar adiante o seu futuro”, engadiu.
A presidenta de Novas Xeracións de Galicia asegura que “a xuventude non é ningún problema, é a solución. E non imos calar fronte a quen nos despreza. Vamos a seguir defendendo a dignidade e o papel fundamental da xuventude en todos os ámbitos”.
O Partido Popular defende e respecta á xuventude fronte ao desprezo do Partido Socialista de Lugo: “mentres o secretario xeral do PSOE lucense ridiculiza ás persoas novas, o Partido Popular é quen as escoita, as apoia e aposta polo seu talento. A xuventude galega sabe quen está ao seu lado. E por iso o PP é o partido máis votado entre a mocidade”, conclúe.