O portavoz de Mobilidade do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe que o número de usuarios no transporte público da Xunta incrementouse un 64 por cento nos últimos cinco anos, superando na actualidade os 38 millóns de viaxeiros. “Un transporte que con moito esforzo, moitos recursos e moitas horas de traballo dos profesionais conseguimos acadar un servizo público colectivo galego de calidade, eficiente e valorado polos galegos”, indicou.
Gonzalo Trenor criticou ao BNG por “levar moitos anos facendo unha crítica despiadada contra o transporte público dos galegos, sementando dúbidas, facendo insinuacións e apuntándose a todo tipo de teorías, cada cal máis estrambótica e inverosímil”.
“E, namentras, a Xunta traballou na mellora deste servizo de transporte público, rebaixando as tarifas, mellorando a atención das zonas rurais e modernizando o sistema de pagamento e a información aos usuarios”, apuntou.
En concreto, o portavoz popular destacou “o importante investimento destinado cada ano ao transporte público de Galicia, que para o vindeiro 2026 superará os 160 millóns de euros; e a ampla oferta de servizos, que permite a completa cobertura territorial a pesar da enorme dispersión poboacional que existe en Galicia”. A día de hoxe, hai 2.700 liñas máis, 38.800 paradas máis e fanse 1,3 millóns de servizos máis que hai cinco anos.
Así mesmo, Gonzalo Trenor asegurou que “o Goberno galego actuou en todo momento con suxeición estrita á legalidade vixente, ao marco competencial que lle corresponde e aos principios de boa administración que deben rexer a acción pública”. “O proceso de contratación, implantación e seguimento do novo modelo de transporte público de Galicia responde a un exercicio de planificación rigorosa, transparente e controlada, orientada á modernización do servizo, á garantía da súa continuidade e á protección do interese xeral co fin de dar un mellor servizo á cidadanía”, concretou.