O Partido Popular de Galicia comprometeuse hoxe a seguir traballando e insistindo para que o Goberno central se implique e reforce a seguridade do litoral galego, para así poder facer fronte a ameazas como as que supoñen o narcotráfico ou a inseguridade cidadá nos concellos da Costa da Morte.
Así o puxo de manifesto a secretaria xeral Paula Prado na visita que realizou esta tarde a Camariñas xunto á líder local do partido, Paula Mouzo, os integrantes do grupo municipal e outros representantes do PP na comarca, así como o secretario xeral provincial Evaristo Ben. Unha visita na que reivindicaron que o PPdeG “é o partido que máis se preocupa por Camariñas e pola Costa da Morte”.
Citou como exemplo disto o feito de que os populares galegos levaron ao Parlamento demandas que foran trasladadas polos seus representantes municipais na comarca e que se traduciron na aprobación –por unanimidade– de iniciativas nas que se reclamaba unha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Camariñas e o reforzo e ampliación dos medios persoais, materiais e tecnolóxicos deste corpo.
Tamén por unanimidade e por iniciativa do PPdeG, o Parlamento ten solicitado ao Goberno central que estableza como principais os postos da Garda Civil de Vimianzo e Corcubión, de xeito que se poidan dotar dun maior número de efectivos.
“Son cuestións imprescindibles para o reforzo da seguridade no litoral galego, pero o Goberno de Sánchez, que é o que ten as competencias, non parece querer atendelas”, denunciou ao tempo que afeaba á alcaldesa socialista de Corcubión “non parecer moi preocupada” por esta cuestión e facía un chamamento a demostrar “unha postura firme de todos” contra a lacra do narcotráfico.
O CONCELLO CON MENOS INVERSIÓN POR HABITANTE
Paula Prado asegurou que a situación de Camariñas é “un grande exemplo do que ocorre onde non goberna o Partido Popular”, lamentando neste sentido que a súa alcaldesa estea “impregnada do peor da marca PSOE” e, en consecuencia, “prefira centrarse en apoiar e protexer a Pedro Sánchez antes que solucionar os problemas máis urxentes do concello”.
Problemas como o “récord negativo” que supón ser o concello con menos inversión por habitante da Costa da Morte. “Inviste pouco máis de 106 euros por veciño”, explicou a número dous dos populares galegos.
“Estou segura de que se o Partido Popular gobernara en Camariñas e Paula Mouzo fora alcaldesa, ela e o seu equipo traballarían para todos os seus veciños e veciñas sen sectarismos e sen deixarse influír pola cor política”, concluíu en apoio á líder local do partido.
TRABALLO E ILUSIÓN PARA FACER POSIBLE UN CAMBIO
Pola súa banda, Paula Mouzo quixo agradecer ao partido que atendese a demanda de “máis medios de seguridade” na Costa da Morte e que a trasladara tanto ao Parlamento galego como ao Congreso dos Deputados do mesmo xeito que o PP de Camariñas xa fixera a través dunha moción no Pleno municipal.
“É un tema que preocupa moito porque necesitamos máis medios para velar pola seguridade dos cidadáns e loitar contra o narcotráfico”, subliñou a líder do PP de Camariñas ao tempo que comprometía o traballo diario “con ilusión e perseveranza” dela e o seu equipo “para lograr o cambio tan necesario” no concello.