A Comisión 1ª do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei de modificación da Lei do deporte de Galicia, co que este texto lexislativo queda pendente do seu debate en sesión plenaria para a súa aprobación definitiva.
O deputado popular Roberto Rodríguez afirmou que “esta reforma trata de levar á xestión deportiva e a algunhas das federacións o que xa está implantado noutros ámbitos da xestión pública”, porque “o bo goberno no deporte é no século XXI un requisito esencial para o normal desenvolvemento da xestión de organizacións e federacións deportivas”. “A democracia interna, a transparencia, a integridade, a apertura e a rendición de contas son xa principios de actuación irrenunciables na xestión dos fondos públicos”, apuntou.
CATRO MANDATOS
Neste sentido, Roberto Rodríguez considerou “necesario que as federacións deportivas eleven o nivel de esixencia das súas normas de goberno a través de principios que garantan a xestión irreprochable dos seus recursos financeiros, os controis para previr os conflitos de interese ou, entre outros, a duración limitada dos cargos electos federativos”. En concreto, explicou que coa nova lei a permanencia dos altos cargos á fronte das federacións queda reducido a catro mandatos, con opción dun único mandato adicional en atención a diversas circunstancias.
Doutra banda, o deputado popular subliñou que “a loita contra a violencia no deporte é unha tarefa común e compartida por todos e, por suposto, tamén polas administracións públicas no ámbito das súas competencias e responsabilidades e coa máxima contundencia”. Así, na lei recóllese a posibilidade de que, sempre co consentimento da vítima ou do seu representante legal, a Xunta poida exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia no deporte.
Por último, logo do debate do proxecto de Lei en ponencia, se establecen prazos certos e inequívocos, conforme ao establecido na Lei de réxime xurídico do sector público, para as infraccións e as prescrición das sancións: 3 anos, 2 anos e 6 meses para a prescrición de infraccións moi graves, graves e leves, respectivamente; e 3 anos, 2 anos e 1 ano para a prescrición de sancións moi graves, graves e leves.