A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PPdeOU, Luis Menor, acompañaron esta tarde á militancia e simpatizantes do PP de Xinzo de Limia no multitudinario magosto organizado no campo da feira do Toural, con máis de 300 persoas, cita festiva na que tamén participaron a vicepresidenta do PPdeOU, Marta Nova; a secretaria xeral dos populares ourensáns, Sandra Quintas; e a presidenta da xestora local, Cristina Campero.
Paula Prado expresou a súa satisfacción “por comprobar a capacidade de mobilización do PP de Xinzo de Limia”, que demostra mediante esta convocatoria ser un partido “forte e consolidado”. Xuntanzas deste tipo, engadiu, dan unha imaxe moi aproximada do momento polo que atravesa o partido: “Unha tradición como os magostos permíteme comprobar por numerosos recunchos de Galicia que as nosas siglas concitan a confianza á cidadanía galega, así que espero que pronto tamén aquí en Xinzo poidamos dicir que o PP goberna”.
Pola súa banda, Luis Menor afirmou que “aquí mesmo, en Xinzo de Limia, o Partido Popular de Ourense colle forzas para afrontar calquera proceso electoral que se convoque”, subliñando a capacidade do PP para “crear gobernos estables, sen medo ao diálogo e que que velen polo interese xeral sen discriminación”.
Por último, Cristina Campero agradeceu a presenza no magosto do PP antelán ás decenas de asistentes, así como en especial a Paula Prado e Luis Menor, “unha importante demostración de apoio á militancia e simpatizantes e de proximidade á veciñanza”.