O Partido Popular de Galicia esixe ao BNG unha “condena rotunda” ante a “escalada de violencia” que se produciu hoxe durante a manifestación convocada polo independentismo galego, a través da CIG, na sede local do PP de Santiago de Compostela.
“O fin da violencia non se defende con máis violencia”, sosteñen os populares galegos ao tempo que condenan “do xeito máis rotundo e enérxico” estes feitos e demandan a mesma “claridade” e “rotundidade” por parte da CIG, do BNG e da propia Ana Pontón.
Refírense así á concentración que esta mañá, coa “escusa” de conmemorar o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, tivo lugar nas inmediacións da sede do PP de Santiago e que “só serviu para xerar división, tensionamento e polarización nun día no que debería primar a unidade contra a lacra da violencia de xénero”.
“Algo ao que xa nos ten acostumados o sindicato do independentismo galego e que se enmarca dentro da súa estratexia de axitar a rúa en aras de promover a conflitividade social”, apuntan os populares.
Aseguran que a manifestación “saldouse coa coacción e o increpamento a través da violencia verbal a traballadoras do PP de Santiago e mesmo a xornalistas que cubrían o acto ao berro de ‘cómplices de asasinatos e de acoso machista’”. Uns feitos que, “dada a escalada de violencia”, mesmo obrigaron á intervención da Policía Nacional.
“É curioso que o BNG se concentre diante da sede do PP e insulte a membros do Goberno galego mentres en Madrid apoia a un partido, o PSOE, que creou a lesiva Lei do ‘só si é si’, puxo en perigo as vítimas con pulseiras antimaltrato defectuosas, e cuxos membros fixeron uso da prostitución nos últimos anos”, conclúen.