O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a desenvolver accións divulgativas que axuden a difundir a obra de Xosé Neira Vilas, co gallo do décimo aniversario do seu pasamento.
A portavoz popular de Cultura, Carmen Pomar, afirmou que “a obra de Neira Vilas non é só un conxunto de libros, é un verdadeiro latexo que atravesa xeracións, unha memoria que respira e que segue atopando eco en cada lector ou lectora que pode recoñecerse coma Balbino, tratando de comprender un mundo que, ás veces, resulta demasiado grande, demasiado complexo e demasiado incomprensible”. Así mesmo, afirmou que “o fito de que se cumpran dez anos desde o seu pasamento permitiría que se dean as condicións para que a Real Academia Galega considere pertinente adicarlle un Día das Letras Galegas”
“Desde a publicación de Memorias dun nego labrego en 1961, Neira Vilas inaugurou un novo xeito de narrar, fondamente vencellado a esa subxectividade popular e á mirada do neno como testemuña privilexiada da inxustiza social”, apuntou Carmen Pomar.
REUNIÓN COA FUNDACIÓN
Así mesmo, lembrou que “recentemente tivemos a oportunidade de reunirnos coa Fundación Neira Vilas, nas persoas do seu presidente e o seu tesoureiro, e coincidimos na necesidade de revindicar, máis alá do escritor, ao Neira Vilas divulgador e militante cultural”. “Gracias a esta conversa, coidamos que hai accións prioritarias como a sistematización e a dixitalización do arquivo de todos os documentos que configuran o seu legado, así como o mantemento da sede da Fundación en Gres, sen esquecer que a súa muller Anisia forma parte indivisible desta herdanza e deste patrimonio que está destinado a coidar e difundir todo o que deixou Neira Vilas”, indicou.
Pomar lembrou que Neira Vilas foi recoñecido pola súa gran aportación á cultura galega, recibindo importantes distincións como o Premio da Crítica de Galicia (1981), a Medalla Castelao (1988), o Premio Trasalva (2004), o Premio Laxeiro (2010), o Premio Otero Pedrayo (2013) e a Medalla de Ouro de Galicia (2015). ”. “Foi a súa unha labor incansable nos centros galegos de América, o seu compromiso co ensino, a súa participación en movementos culturais e, xa de regreso a Galicia, o seu traballo para preservar a tradición oral e fornecer a literatura galega”, destacou a portavoz popular
Por último, e logo dunha transacción do Grupo Socialista, o Grupo Popular aceptou introducir na iniciativa parlamentaria a solicitude para que a Xunta dote a través dos orzamentos de 2026 partidas para programas didácticos sobre a emigración e o exilio galegos, ao tempo que realice un proxecto de divulgación a diferentes niveis sobre el legado de Neira Vilas e da xeración do modernismo galego.