A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, cualifica de «espectáculo lamentable» a manifestación que onte convocou o BNG, a través do sindicato CIG, diante da sede local do PP de Santiago e no que se produciron «coaccións» e «intimidacións».
«Como muller, dóeme moito que nun día como o da eliminación da violencia de xénero, que ten que ser de unidade de todos os partidos políticos, o BNG decidira unha vez máis optar pola confrontación, a polarización e a división», asegura.
A número dous dos populares galegos insta ao BNG a «cesar xa» na súa «estratexia de conflitividade» porque, segundo sostén, este «non é o camiño correcto».
Nesta liña, volve reclamar ao independentismo galego e a Ana Pontón unha condena «clara e contundente» destes feitos porque «a violencia verbal contra mulleres non leva para nada á eliminación da violencia de xénero».