O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que adopte as medidas necesarias, en coordinación coas comunidades autónomas e co sistema universitario, para incrementar nun mínimo do 15 por cento a oferta de prazas de novo ingreso nos estudos universitarios de Enfermaría en Galicia e que este incremento vaia acompañado dun financiamento suficiente.
O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, lembrou que enfermería “é unha das profesións máis necesarias no noso tempo” e ante esta demanda “Galicia leva anos actuando: desde 2008, o persoal de enfermería do sistema sanitario galego aumentou un 20 por cento; o reforzo foi especialmente intenso na atención primaria, onde Galicia supera a media estatal; e os orzamentos para o vindeiro ano crean 1.244 novas prazas sanitarias, das que 260 son de especialidades de enfermería”, concretou.
PACTO POLA ENFERMERÍA
García Comesaña referiuse ao Pacto pola Enfermería asinado o pasado mes de abril pola Xunta e as tres universidades galegas, “co horizonte de formar máis e mellores profesionais”, para o que se avoga polo aumento do profesorado doutor e investigador, a reorganización da docencia nunha única facultade por universidade e o incremento do 15 por cento das prazas de grao en Enfermería.
“Galicia quere e pode aumentar a oferta, pero falta que o Goberno central o autorice, do mesmo xeito que fixo con Medicina”, sinalou o viceportavoz popular. Así, asegurou que “Galicia ten a visión, ten o plan, ten o profesorado, ten o financiamento e ten as instalacións, polo que só falta que o Goberno de España autorice formalmente o aumento de prazas e aporte o financiamento correspondente”.
Julio García Comesaña afirmou que esta decisión “permitirá que haxa máis profesionais nos próximos anos; mellor cobertura asistencial en hospitais e primaria; reforzo do sistema sanitario público, que hoxe afronta máis presión asistencial que nunca; e maior capacidade de planificación para o futuro”.