A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe que os socialistas galegos pretendan converter a avaría dun sensor dunha incubadora no Hospital Comarcal de Valdeorras, que se arranxou en menos de dúas horas, “nun relato apocalíptico para trasladar á cidadanía que este centro sanitario está sen partos, sen incubadora e sen seguridade”.
Encarna Amigo explicou que o pasado 7 de novembro houbo unha incidencia nun sensor da incubadora do Hospital de Valdeorras que se arranxou ese mesmo día e, para maior seguridade, dous enxeñeiros da empresa fabricante revisaron o equipo o martes seguinte certificando o seu perfecto funcionamento. “A actividade asistencial de partos neste hospital non se interrompeu en ningún momento, ningún servizo quedou parado e ningunha muller quedou sen asistencia”, asegurou.
Por este motivo, a portavoz popular criticou que os socialistas galegos “practiquen a política do microincidente elevado deliberadamente a categoría de problema estrutural, unha política irresponsable, oportunista e fondamente desleal coa cidadanía de Valdeorras”.
Amigo afirmou que o Hospital de Valdeorras “garante a continuidade e calidade de todos os seus servizos, en particular os de pediatría, obstetricia e urxencias, xa que contan con dous facultativos especialistas en pediatría, catro en xinecoloxía e obstetricia, e seis médicos de urxencias hospitalarias”. Neste sentido, engadiu que, gracias á Lei galega para a cobertura de postos de difícil cobertura e que habilita incentivos específicos para cubrilos, votada en contra tanto polo BNG como polo PSdeG, o Hospital de Valdeorras incorporou nos últimos dous anos 26 médicos con vínculos de fixeza.